Hai uns meses, fixen un exercicio bastante peculiar co grupo infantil: consistía en crear unha (ou varias) pezas artísticas só cun folio branco. Sen lapis, sen pinturas, só un papel e as súas mans. A partir de aí, pensamos entre todas que podiamos face con el: dobrar, engurrar, partir, encaixar, furar,… Así, exploraron o material e saíron resultados sorprendentes: desde formas abstractas que serían pequenas esculturas ata animais, e mesmo unha nena retratou así a unha compañeira!
Esa clase foi importante para min porque me fixo pensar en que é e que non é Pareidolia, e por tanto, para quen é e para quen non é:
- Non é unha clase para copiar láminas, nin facer cadros «bonitos» para decorar a casa.
- Non é unha clase de manualidades onde se explica o proceso paso a paso, procurando que todo o alumnado teña o mesmo resultado.
- Tampouco é un pasatempo, onde cada quen pinta o mesmo que faría na casa sen ningún tipo de guía.
Aínda que é unha actividade lúdica, tomo o meu traballo moi en serio. Por iso, preparo as actividades respondendo a obxectivos concretos, que definen o que si son as clases de pintura e debuxo en Pareidolia espazo de arte:
- Ensinar ao alumnado a expresarse mediante a linguaxe visual. Do mesmo xeito, tamén observamos e analizamos obras de artes plásticas, tanto históricas como contemporáneas, para entender a relación entre como están feitas e a mensaxe que transmiten.
- Aprender a ver o noso entorno, é dicir, entender como os nosos ollos procesan visualmente a realidade, e deste xeito poder trasladala (ou crear a nosa alternativa) ao papel. Esta, e non outra, é a clave para crear un debuxo ou pintura realista, pero tamén para crear calquera outro tipo de mundo que teña sentido segundo a percepción humana.
- Fomentar a curiosidade e a exploración (observando os procesos e os resultados) dos materiais por parte do alumnado, case coma un xogo. Por suposto, dou algunhas explicacións iniciais para saber para que serve e como se utiliza cada material, así como axuda durante o proceso, pero o obxectivo é que cada quen o leve ao seu terreo.
- Acompañar a cada estudante no seu proceso de desenvolvemento da creatividade, propoñendo exercicios creativos, iso si, con pautas. Coma no exercicio do papel, as limitacións de medios, moitas veces, axúdannos a procurar solucións creativas que non estabamos a procurar nun principio. Cando o alumnado é suficientemente avanzado, ofrézolles tamén unha guía para realizar os seus propios proxectos.
Se todo isto resoa contigo, ou co tipo de educación que queres dar á túa filla ou fillo, contacta connosco para preguntar calquera dúbida ou reservar a túa primeira clase no teléfono 683500342 ou no e-mail pareidoliateo@gmail.com.
Os horarios do curso 2025-2026 son os seguintes:
- Grupo infantil (6 a 10 anos): xoves de 16:30 a 18:00.
- Grupo preadolescente (11 a 13 anos): venres de 16:30 a 18:30.
- Grupo adolescente (13 a 17 anos): sábados de 11 a 12:30 da mañá.
- Grupo adulto de mañá: venres de 11:00 a 13:00.
- Grupo adulto de tarde: xoves de 18:30 a 20:30.
Os horarios son flexibles, e poden moverse ata media hora para adaptarse ás circunstancias de cada persoa. Do mesmo xeito, podemos abrir novos horarios se existe unha demanda de, polo menos, tres persoas interesadas. As tarifas mensuais das clases son:
- 40 € por mes por 1 hora semanal.
- 50 € por mes por 1 hora 30 minutos semanal.
- 60 € por mes por 2 horas semanais.
- Matrícula de 50 € para cubrir gastos de material, excepto lenzos, que só se pagaría no primeiro mes.
Nestas tarifas está incluído un mínimo de 3 clases por mes, tendo en conta que non hai clases durante os festivos e vacacións segundo o calendario escolar de Teo, e tampouco se recuperan.
No caso de que un alumno/a non poida asistir a unha clase, poderá recuperala no horario doutro grupo, se avisa con antelación. Se unha clase ten que suspenderse pola ausencia da profesora, a recuperación está asegurada, mesmo se ten que ser fóra deses horarios.